viernes, 20 de noviembre de 2009

O CAMBIO CLIMÁTICO

Chámase cambio climático á variación global do clima da Terra. Tales cambios prodúcense a moi diversas escalas de tempo e sobre tódolos parámetros climáticos: temperatura, precipitacións, nubosidade, etcétera. Son debidos a causas naturais e, nos últimos séculos, tamén á acción do home no medio ambiente.

O termo acostuma usarse, de forma pouco apropiada, para facer referencia tan só ós cambios climáticos que suceden no presente, utilizándoo como sinónimo de quentamento global. O UNFCC (United Nations Framework Convention on Climate Change) usa o termo cambio climático só para referirse ó cambio por causas humanas. Ó producido por causas naturais denominano variabilidade climática. Nalgúns casos, para referirse ó cambio de orixe humana úsase tamén a expresión cambio climático antropoxénico.


O clima é unha media, a unha escala de tempo dada, do tempo atmosférico. Sobre o clima inflúen moitos fenómenos; consecuentemente, cambios nestes fenómenos provocan cambios climáticos. Un cambio na emisión do Sol, na composición da atmosfera, na disposición dos continentes, nas correntes mariñas ou na órbita da Terra pode modificar a distribución de enerxía e o balance radiativo terrestre, alterando así profundamente o clima planetario. Estas influencias pódense clasificar en externas e internas á Terra. As externas tamén reciben o nome de forzamentos dado que normalmente actúan de forma sistemática sobre o clima, inda que tamén os hai aleatorios como é o caso dos impactos de meteoritos. A influencia humana sobre o clima en moitos casos considérase forzamento externo xa que a súa influencia é máis sistemática ca caótica, pero tamén é certo que o homo sapiens pertence á propia biosfera terrestre podéndose considerar tamén como internas segundo o criterio que se use. Nas causas internas encontramos unha maioría de factores non sistemáticos ou caóticos. É neste grupo onde se encontran os factores amplificadores e moderadores que actúan en resposta ós cambios introducindo unha variable máis ó problema xa que non só hai que ter en conta os factores que actúan senón tamén as respostas que ditas modificacións poden supor. Por todo iso ó clima é considerado un sistema complexo en toda regra. Segundo qué tipo de factores dominen a variación do clima será sistemática ou caótica. Disto depende a escala de tempo e que se observe a variación xa que poden quedar patróns regulares de baixa frecuencia ocultos en variacións caóticas de alta frecuencia e viceversa.



Eu creo que o cambio climátiaco é un problema causado unicamente polos seres humanos e nós temos que solucionalo, porque se non imos destruir o noso planeta e a nos mesmos.

0 comentarios: